Lupe Martínez: FRANCISCO MARTÍNEZ LEIRA, PANCHO: A HISTORIA DUNHA FUXIDA SEN RETORNO
Cátedra. Revista eumesa de estudios. Xuño, nº 15, 2008, págs. 7-17.
"Tendo en conta a situación nacional e internacional, 'botarse ao monte' á altura do ano 1948 pode parecer unha decisión suicida e, sen dúbida, éo. No interior, o réxime franquista facíase recoñecer a pistoletazo limpo e, no exterior, as potencias democráticas lexitimábano coa súa inacción e con actuacións tan desalentadoras como a nota do mes de abril de 1946. Nela, os ministros de Asuntos Exteriores de Estados Unidos, Francia e Gran Bretaña, instaban ao pobo español a ser el mesmo, sen inxerencia externa, o que restablecera un goberno democrático se así o desexaba. Devolvían deste xeito a pelota ao tellado dos opositores ao fascismo, confiados en que a vitoria aliada na II Guerra Mundial levaría a intervención destes e a inevitábel caída do réxime do xeneral Franco. Este, contando xa coa tranquilidade que a non intervención internacional lle proporcionaba, dispoñía de total liberdade para poñer en funcionamento toda a maquinaria represiva ao seu servizo e nas súas múltiples variantes, co fin de cortar calquera intento de atacar a 'nova España'.
Polo tanto, ante un panorama tan negro no que parece difícil imaxinar que un pobo aterrorizado tras unha guerra devastadora e unha posguerra non menos traumática, famento e afogado no pozo da miseria, poida rebelarse con éxito, "botarse ao monte" en 1948 so pode ter unha triste lectura: a de fuxir dunha morte segura ou, cando menos, dunha situación de acoso e persecución difícilmente soportábel. Cando Francisco Martínez Leira Pancho foxe ao monte o 22 de xaneiro de 1948, tras descubrirse a súa participación na folga do aceite e o azúcre que se desencadena en Bazán no ano 1946, faino para iniciar a derradeira viaxe da súa vida; prolongarase durante case sete anos e estará salpicada de múltiples accións que o converterán nun dos guerrilleiros máis sobranceiros das terras do Eume.
Dúas imaxes de Pancho, sinalado cun circulo e vestido de lexionario, xunto a dous compañeiros
Pancho, militante do PCE, foxe ao monte nun momento especialmente critico para o discorrer da loita armada. A principios de 1948, a guerrilla sofre un acoso permanente por parte dunhas forzas represivas que van encadeando triunfos na particular guerra que manteñen cos homes do monte e que, nos meses posteriores, culminará coa detención dos líderes comunistas José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, os homes que levaron a guerrilla ao seu maior desenvolvemento e grao de combatividade. Os febles intentos do PCE por reconducir aos homes do monte serán estériles. Os novos dirixentes, José Sevil ou Coronel Benito, pouco poderán facer xa para endereitar a agónica situación.
As sucesivas caídas de guerrilleiros, puntos de apoio e enlaces multiplicaranse nos meses posteriores, e Pancho será testemuña directa do triste final dos seus compañeiros e do abandono ao que teñen que facer fronte os poucos que aínda resisten a ofensiva final das forzas represivas. Nese mesmo ano 1948 o Partido Comunista decide poñer o punto e final á súa tutela sobre a guerrilla e aínda que esta tarda uns anos en verificarse por completo, o certo e que os homes do monte vivirán no maior desamparo as últimas sacudidas da loita armada. Aínda así, Pancho protagonizará un bo número de accións contra os paladins do réxime, ben como un guerrilleiro máis do Destacamento Arturo Cortizas ou ben como xefe da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galicia, nomeamento que lle sobreven tras a marcha de Francisco Rey Balbis Moncho a Francia en 1950.
Dúas datas de vital importancia á hora de intentar trazar a rota que Pancho segue dende que foxe ao monte até que é abatido pola Garda Civil, son as referentes ao seu bautizo de fogo e ao momento da súa caída, Paradoxos da vida e como nun intento de pechar o circulo, as dúas datas coinciden co comezo e a fin de 1949 e 1954 respectivamente. A primeira data para o recordo é o 1 de xaneiro de 1949, case un ano despois de verificarse a súa fuxida, e a segunda data de especial interese é o 31 de decembro de 1954, día no que, co seu asasinato se pon o punto e final á súa aventura revolucionaria. O obxectivo deste traballo non é outro que o de rememorar o particular viacrucis do noso home e o de recapitular as súas accións como fuxido, acompañado nun primeiro momento e so nos derradeiros intres da aventura, sen máis miras que as de custodialo na súa última viaxe.
Pouco podía presaxiar o grupo de veciños de Mugardos que celebraba a chegada do novo ano 49 no bar El Mugardés, que a festa se truncaría as 2:30 horas da mañanciña, cando tres guerrilleiros, Pancho, Riqueche e probabelmente Antonio Castro López Tocho, fixeron acto de presenza. Cominaron aos presentes a erguer os brazos, momento no que o veciño Juan Rey Mauriz imbuído polo ambiente festivo e crendo que se trataba dunha broma, se dirixiu a Pancho, o guerrilleiro que levaba o peso da operación, dicíndolle: "tírame a min covarde". Pancho empurrouno, obviouno, disparoulle aos pos e dirixiuse ao seu obxectivo Manuel Vázquez Fariña, ex alcalde franquista, delegado gobernativo e empregado como xefe administrativo de Bazán. A sorte aliouse con este pois cando o guerrilleiro se dispoñía a dispararlle, de socato, a pistola atrancóuselle. Fariña, ante a dualidade de fuxir ou morrer, opta pola primeira e lánzase a carreira cara ao patio na compaña de Juan Rabina Cañizo, José Rojo Toimil e Arsenio Muñiz Fernandez, Fariña, Cañizo e Toimil conseguen burlar os disparos que realiza Pancho; non así Arsenio Muñiz, que queda tendido na escaleira de caracol, morto.
Pancho, tal vez frustrado pola burla do seu obxectivo regresa ao bar e con malos modos pregúntalle a Gabriel Gómez Monteagudo, o dono da taberna, por Escupidera, alcume polo que era coñecido Fariña. Gabriel contesta que non esta, polo que Pancho e Riqueche deciden rexistrar a cociña e a parte interior do mostrador, con resultado negativo. Os tres guerrilleiros abandonan o inmoble sen culminar a súa empresa e deixando a Muñiz, colaborador da Garda Civil, morto con tres disparos.
Tras este incidente decrétase a detención de significados 'marxistas' que puidesen estar relacionados co intento de asasinato de Fariña e o asasinato de Muñiz. Trátase de Francisco Loureda Silvar Pellejo, José Fuentes Justo Pitón, Antonio Martínez Ferro Malayo, Román Ferrer Fernández Antopas, Juan Carnero Casal, Manuel Pérez Prados Porga, Manuel Bello Cartelle Xilguero e Florentino Iglesias Várela Floro, este último casado con Antonia Martínez Leira, irmá de Pancho. O 3 de xaneiro, catro deles, Francisco Loureda, José Fuentes, Florentino Iglesias e Antonio Martínez, son conducidos ao Val (Narón) co fin de que sinalen os puntos de apoio dos guerrilleiros nesa zona. Nas inmediacións do camiño de Mandiá, no punto de Catabois, o atestado policial fai constar que os catro homes intentaron fuxir amparándose na escuridade e na maleza existente. Tras desoír as voces de "alto" do sarxento Eduardo García Muñoz e, ante a posibilidade de perdelos de vista, a 'forza' abriu fogo causándolles a morte.
Apenas un mes despois do asasinato de Muñiz, Pancho volve a empuñar as armas para acabar coa vida do garda civil José Casal Reboredo. Os feitos prodúcense ao mediodía do 8 de febreiro. No quilómetro 6, hectómetro 8, que de Cabanas conduce a Mugardos, os gardas segundos Arturo Ballesteros Pascual, Sebastián Quiros Romo, Francisco Cernadas Seoane e o citado, e finalmente malogrado, José Casal, vense sorprendidos por un grupo de cinco guerrilleiros, entre os que se atopan Pancho, Antonio Veiga Mejuto Cacharrón e Juan Gallego Abeledo Buzo, que dende unha toxeira abren fogo ferindo de gravidade ao número José Casal. Trasladado ao seu domicilio en Mugardos, Casal falece ao pouco de chegar.
As batidas que se intensifican a raíz do asasinato do garda resultan infrutuosas no que á localización dos guerrilleiros se refire, non así en canto ao descubrimento de efectos dos homes do monte, aos que se lles incautan armas e prendas de roupa, entre outros aparellos abandonados na apremada fuxida do lugar dos feitos. Tamén nas Pardiñeiras (Limodre), a Garda Civil localiza un refuxio onde, novamente, se atopan armas.
Xunto a falanxistas especialmente vinculados a episodios represivos contra desafectos ao réxime, os gardas civís eran, sen dúbida, un dos principais obxectivos das partidas armadas. Rematar coa vida de quen con tanta zuna os perseguían supoñía un golpe de efecto de cara á poboación e aos propios gardas, medorentos de poder ser eles os seguintes en engrosar a nómina de baixas. O 22 de febreiro, vai ser o tenente da Garda Civil xefe da Liña de Xuvia, José Torres Santiso, quen sufra nas súas propias carnes a vinganza dos guerrilleiros. Sobre as 21:15 h. Torres Santiso e mais o seu escolta, o garda ordenanza Julio Domínguez López, regresaban á casa do primeiro procedentes do cuartel de Xuvia cando, nas inmediacións xa da vivenda, o tenente crúzase cun home que lle infunde sospeitas. Torres ordénalle ao seu subordinado que o identifique pero, sen tempo a nada, o guerrilleiro abre fogo contra o garda Domínguez mentras que outros dous compañeiros, ocultos tras un sebe, fan o propio co tenente Torres. Os dous números tratan de reaccionar e repeler a agresión, pero os tres homes do Destacamento Arturo Cortizas presumíbeis autores do incidente, Adolfo Allegue Allegue Riqueche, Juan Gallego Abeledo Buzo e Francisco Martínez Leira Pancho, foxen sen novidades, deixando ao tenente Torres Santiso con gravísimas feridas e ao garda Domínguez ferido de carácter leve no ombreiro dereito.
Un dos primeiros en auxiliar aos feridos é o médico Femando Várela Paz quen avisado polo vecino José Salcedo Rodríguez, acode ate o inmoble de Torres e ali o atopa, tendido e manando sangue abundantemente. Ante este panorama, o doutor ordena a dous homes que consigan unha camioneta coa que trasladar ao tenente a Ferrol, o que así fai na compaña de Salcedo e o garda Domínguez. No Hospital de Mariña certifícase a gravidade das feridas de Torres, quen presenta tres disparos que lle provocan unha hemorraxia interna de tal magnitude que impide calquera tipo de intervención. Trasladado ao seu domicilio en estado agonizante, Torres, de 46 anos, casado e pai dunha filia, falece ao pouco de chegar.
O 31 de maio deste 1949, un grupo de guerrilleiros diríxese ao domicilio de Hermenegildo Sanjuán Várela, ex alcalde de Monfero. Non é a primeira, nin a última vez, que Sanjuan é vítima dun atraco por parte das partidas. Ese día, sobre as 23:30 h. un numeroso grupo de entre dez ou doce guerrilleiros chaman á porta da casa de Sanjuán, o xenro deste, Antonio Várela, cre que se trata do seu veciño Manuel Várela García polo que, ao abrir confíado a porta, se atopa co grupo citado. Pasan ao interior da vivenda e solicítanlle ao ex alcalde 30.000 pesetas baixo a ameaza de queimarlle a casa se non accede as súas pretensións. Sanjuán só lles pode ofrecer 14.000, polo que os guerrilleiros obrígano a recadar o restante entre os seus veciños. Outras 6.000 pesetas máis parece que contentan aos guerrilleiros quen antes de marchar e repartir propaganda da denominada "subversiva", obrigan a Sanjuán a servirlles a cea.
Do numeroso grupo son identificados tres guerrilleiros, xunto ao noso protagonista, Francisco Martínez Leira Pancho, participa no episodio outro mítico guerrilleiro das terras do Eume, Adolfo Allegue Allegue Riqueche, ademáis de Francisco Paz Fornos Paco.
Riqueche, un dos compañeiros de fatigas de Pancho, morrerá nun enfrontamento coa Garda Civil sete meses despois deste incidente e, curiosamente, no mesmo domicilio. Nesta ocasión Pancho non acompaña ao numeroso grupo que o 31 de outubro lle reclama 25.000 pesetas a Hermenegildo Sanjuán. Isto salvaralle a vida, xa que os sete homes da partida perecerán na refrega, ben a consecuencia dos disparos dos gardas ou suicidándose ao se veren sen saída. Xunto a Riqueche, deixarán a vida en Pazos, Antonio López Arias Canín, José Chao Rouco Benita, José Temblás Paz, Rogelio Alonso Corral, Juan Freire Barcia e José Ramuñán Barreiro Ricardito, este ultimo erroneamente identificado como Juan Gabeiras Picovello. Esta carnicería foi, sen dúbida, un duro golpe que contribuíu a debilitar aínda máis a feble estrutura da loita armada.
Diciamos ao comezo deste traballo que Pancho foi unha testemuña de excepción, de primeira fila, dos acontecementos que se sucederon nos duros momentos que sacudiron a loita armada ao longo dos anos 50 e que remataron, inexorabelmente, coa súa liquidación definitiva.
O 30 de agosto de 1951, a delación do veciño do Puntal, Juan Cancela Rivas, pon ao capitán Aurelio Várela Lorenzo sobre a pista dun nutrido grupo de guerrilleiros que se agochan nunha casa deshabitada no Puntal de Abaixo. Cercada a vivenda, e malia o intento de evasiva, Antonio Castro López Tocho, Antonio Veiga Mejuto Cacharrón, José Sancho Riera Valenciano e José Freire Barcia Pepiño caen abatidos cando tratan de alcanzar a estrada que conduce de Bergondo a Ferrol. González Vidal asegura que Francisco Martínez Leira Pancho foi o único membro da partida que conseguiu burlar o cerco e por ende, fuxir dunha morte segura.
Por estas mesmas datas, ten lugar un acontecemento de grande magnitude que, sen dúbida ningunha, tería cambiado o fatal destino ao que Pancho, e os que como el seguían a loitar, estaba abocado. Marita Gallego Abeledo, dona de Francisco Rey Balbis Moncho, regresa a Galicia coa consigna de trasladar a Pancho a Francia. A operación, custosa e arriscada, abórtaa o propio guerrileiro ao se negar a partir cara ao exilio. Ao parecer, os supostos problemas persoais entre Moncho e Pancho puideron máis á hora de inclinar a balanza que a posibilidade de salvar a vida e seguir a loita noutras frontes menos arriscadas.
Á altura do ano 52, poucos son xa os fuxidos que, á marxe da lei, seguen a combater o réxime. Os máis caen en combate e os que conseguen salvar a vida purgan as súas penas na cadea ou, nalgún caso, no exilio. Nunca foi doada a vida no monte, e moito menos vivila en soidade, as penalidades dunha existencia errante, marcada polas privacións e o desarraigo, hai que engadirlles a tensión permanente que a condición de condenados a morte provoca no ánimo duns homes en constante fuxida cara a ningunha parte, nun van intento de sortear o temido enfrontamento final. Non é de estrañar, pois, que un solitario Pancho busque sostén e abrigo na súa familia. Así, no mes de maio, o noso protagonista diríxese á vivenda da súa irmá María no Penedo co obxecto de que o acolla na súa casa. Esta accede poñéndolle como única condición que non saia da vivenda baixo ningún concepto. Pancho acata a orde e, en previsión de posíbeis rexistros por parte da Garda Civil, constrúe un refuxio nun dos cuartos da casa. Non obstante, Pancho incumpre o pactado e auséntase durante dúas noites, polo que María resolve bótalo no mes de xuño dese mesmo ano. O guerrilleiro, acosado, desmoralizado e fustrigado, volverá un ano despois a solicitar amparo á súa irmá, pero esta negarase en redondo e Pancho marchará sen volver a comunicarse coa súa familia.
Despois da curta experiencia na vivenda da súa irmá María. Pancho encamina os seus pasos cara ao seu propio domicilio na Areosa. No mes de xullo preséntase na casa que a súa dona, María Romero Ramos, comparte cos tres fíllos do matrimonio e exponlle a súa intención de fícar alí. A primeira precaución é a construción dun refuxio, e a segunda non saír da vivenda para evitar ser visto por algún veciño indiscreto que poida dar parte á Garda Civil. A situación prolóngase arredor de seis meses, até que unha forte discusión entre o matrimonio, na que María o recrimina polo abandono que sofren ela e os seus fillos e as dificultades que atopa para seguir adiante, pon punto e final á estadía de Pancho na súa casa.
Novamente no monte, Pancho retoma as súas actividades. O 28 de xullo de 1953 diríxese ao domicilio de Ramón Amado Cagiao na Casanova, parroquia de Doroña, concello de Vilarmaior. Cando Amado marcha cara a uns muiños da súa propiedade, presentáselle Pancho que, armado cunha pistola, lle esixe a bonita cantidade de 80.000 pesetas que quedara a deber dunha anterior visita dos guerrilleiros aló polo ano 47. Amado dille que non posúe tal cantidade e, a forza de discutir, consegue que Pancho lle rebaixe a multa até as 10.000 pesetas. Media hora despois, sobre as 16:30 h., Amado regresa cos cartos co fin de evitar que Pancho cumpra a ameaza de volver a queimarlle os seus muiños e a casa e de rematar coa súa vida.
Dous días despois deste suceso, María Romero, a dona de Pancho, é detida pola Garda Civil tras descubrirse o refuxio que agochara ao seu home dende maio de 1952 até xaneiro de 1953. Non era esta a primeira vez que María sufría nas súas propias carnes as represalias as que estaban sometidos os familiares daqueles os que ousaban combater o réxime, ademáis de sufrir continuos rexistros e interrogatorios, María xa fora detida o 16 de setembro de 1949 por supoñérselle en contacto con Pancho e os demais guerrilleiros da zona. O 5 de outubro de 1949 saíra deportada cara a Valladolid, onde permanecerá dous anos, até o 5 de outubro de 1951. Novamente, o 30 de xullo de 1953, María volvía a ser detida. Someteríase a un consello de guerra, celebrado en Ferrol o 26 de xuño de 1954, no que resultaría condenada por "un delito de auxilio a componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje y terrorismo " a 3 anos de prisión menor coa accesoria de suspensión de todo cargo público, profesión, oficio e dereito de sufraxio durante o tempo da condena.
A noite do 3 de xuño de 1954 os gardas segundos do posto de Fene, José Beaz Martínez e José Lasén Colina, realizaban un rutineiro servizo de vixilancia e control de transeúntes no paso a nivel da vía férrea que conduce ao Puntal de Tellerías, cando o primeiro deles adiviñou a presenza dun individuo sospeitoso ao que lle deu a voz de "alto" co obxecto de identifícalo. O home responde abrindo fogo sobre Beaz e fuxindo lixeiro pola beira dereita do tren, esquivando os disparos que un desconcertado Lasén Colina lle dirixia. Beaz, consciente da gravidade das súas feridas, acerta a dicirlle ao seu compañeiro "este individuo me ha matado" a vez que coas poucas forzas que lle quedan lle ordena que faga uns disparos ao aire para que o resto da foza acuda no seu auxilio. Como non se obtén resposta ao chamamento, Beaz pídelle ao seu compañeiro, nun intento desesperado, que consiga un coche e que avise á forza do posto de Fene. Así se fai. Lasén regresa co vehículo e acompañado do sarxento José Portillo Cuervo e os gardas segundos Luis Méndez e Manuel Castro, mentres que o dono do coche requisado acode presto a avisar ao doutor Alejandro Pita Álvarez. Durante a tensa espera, os gardas trasladan a Beaz até a estrada que de Perlío conduce a Ferrol onde, tras presentarse o médico, recibe unha primeira atención que certifica a extrema eravidade das súas feridas. Trasladado á casa cuartel, José Beaz falece "a consecuencia de rotura de aorta abdominal con la consiguiente hemorragia interna masiva ".
A Garda Civil supon que o autor da morte de Beaz é Francisco Martínez Leira, Pancho, e por iso redóbranse os esforzos para intentar captúralo, vivo ou morto. As "noticias confidenciales" que sinalan ao sobriño de Pancho, Manuel Pena Martínez, como principal enlace do guerrilleiro, levan a Francisco Díaz Vidal, tenente da Garda Civil e xefe da Liña de Xuvia, a efectuar un rexistro na casa que aquel comparte no lugar de Penedo coa súa dona, Juana Fontenla, e a súa nai, María Martínez Leira. Verificase o rexistro o 20 de xuño e o resultado é o achado do refuxio que Pancho construirá nun dos dormitorios da vivenda en maio de 1952. Deseguido ponse en marcha o procedemento para clarexar os feitos: os habitantes da casa son detidos e interrogados. María e mais o seu fillo confirman que Pancho se agochara na vivenda durante un mes e que, efectivamente, o propio guerrilleiro construirá o escondedoiro de referencia.
O Consello de Guerra contra María Martínez Leira e o seu fillo Manuel Pena celébrase en Ferrol o 24 de abril de 1955, catro meses despois de que Pancho caerá abatido pola Garda Civil. Como responsábel dun "delito de auxilio a componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje" María é condenada a un ano de prisión menor, mentres que Manuel é absolto ao non probarse que tivera intervención nunha decisión tomada directa e exclusivamente pola súa nai.
A Garda Civil séguelle a pista moi de preto nestes últimos meses do ano 54. Rafael Serrano Valls, comandante da Garda Civil con destino en Ferrol, recibe o 17 de novembro "noticias confidenciales" segundo as cales Pancho se agochara no domicilio da súa irmá Antonia, veciña do Penedo. A "forza" diríxese coa intención de efectuar un rexistro na vivenda e, como resultado do mesmo, atópase nunha dobre parede un espazo baleiro capaz de ocultar a unha persoa e perfectamente disimulado. Antonia deféndese como boamente pode e afirma descoñecer a existencia do refuxio, escusándose nas obras que con anterioridade se fixeran na vivenda. Os obreiros participantes na reforma, Antonio Hermida e Antonio Pena, aseguran que o suposto refuxio fora construído para disimular o oco de baixada da escaleira e que, debido as minúsculas dimensións, seria sumamente complicado que se puidera agochar ningunha persoa. Non obstante, no Consello de Guerra celebrado o 20 de abril de 1955, Antonia é condenada, por un delito de "auxilio a componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje y terrorismo " a seis meses e un día de prisión menor. Antonia, quen xa perderá ao seu home, Florentino Iglesias, tras serlle aplicada a controvertida Lei de fugas, volvía novamente a ser condenada por un delito polo que, seis anos atrás, e en virtude da causa 326/49, fora sentenciada a dous anos de prisión, tras confesar ter facilitado aos guerrilleiros materiais para a construción de refuxios.
Dous dias despois do episodio na casa de Antonia, Serrano Valls, cada vez máis preto de Pancho, volve a recibir as tan traídas "noticias confidenciales" que, nesta ocasión, sitúan ao guerrilleiro agochado na casa de Rudesindo Díaz Corral, vecino de Cornide-Narón. Así, o 19 de novembro arredor das 7 da mañá, o comandante da Garda Civil prepara un cerco arredor da vivenda e conmina a Rudesindo para practicar un rexistro. O dono da casa non se nega, pero cando a forza penetra nunha das habitacións, os disparos que efectúa Pancho, oculto nun recodo, sorpréndeos. Aínda que os gardas repelen a agresión, non conseguen ferir ao guerrilleiro e a opción que lles queda é retirarse ao exterior. Se quere ter algunha opción de salvar a vida, o guerrilleiro non ten máis remedio que botar a correr amparándose na súa arma. Iso fai, e a xogada saélle ben. Pancho consegue eludir o cerco deixando, ademáis, gravemente ferido ao capitán Juan López Marcos. Máis, ¿que é de Rudesindo? Segundo os informes policiais, o mozo falece no tiroteo no que se enzarzan os gardas e os dous homes. Sen embargo, un recente testemuño recollido no libro Retallos da memoria asegura que Rudesindo, tras recibir golpes brutais na cara, morre vítima dos disparos que os gardas lle efectúan na parte traseira da casa. Recorrendo ao informe de autopsia, apuntase como causa da morte "hemorragia cerebral y contusión y conmoción cerebrales por fractura de la base del cráneo", asi como que os disparos foron feitos a curta distancia.
O lance non remata aquí; uns días despois a forza pública regresa á vivenda de Rudesindo buscando pegadas de Pancho. O resultado é o achado de armas e municións, así como unha multicopista e multitude de documentos de propaganda comunista.
Probabelmente como consecuencia do enfrontamento narrado, no que salva a vida in extremis. Pancho é ferido dun disparo na cadeira esquerda, polo que precisa unha atención primaria e farmacéutica á que, obviamente, un proscrito non ten acceso. A primeira recíbea na casa de Ramona López Guerreiro, a viúva do outrora fuxido Raimundo Benigno Fraga Pita Alejandro, e a segunda proporciónalla o practicante ferrolán Raimundo Otero Brañas, quen lle facilita a penicilina necesaria para as inxeccións. Otero Brañas, e un bo número de sanitarios libertarios, prestaron un servizo impagábel á guerrilla poñendo coñecementos e material médico a disposición duns homes cuxa desprotección alcanzaba o seu cénit ao se atopar ante situacións tan extremas como esta. Valores como a solidariedade humana e o inquebrantábel compromiso coa causa democrática explican o arriscado comportamento daqueles sobre os que pendía a sombra da desafectación e que, en suma, podían pagar moi caro o dar cobertura aos homes que daban forma ao principal problema interno do franquismo: o "bandoleirismo".
Reposto deste incidente, ou cando menos, en condicións óptimas para retomar as súas actividades, Pancho encamiña os seus pasos á súa parroquia natal de Ombre co obxecto de impoñerlle unha sanción económica a Celestino Veiga Torres, Charló ou Celestino da Mediña, que ademáis de concelleiro en Pontedeume, substituirá a José Calvo, asasinado pola guerrilla en 1945, á fronte da xefatura parroquial de F.E. Así, o dia de Nadal, Pancho preséntase na casa de Celestino e esíxelle 10.000 pesetas. Este só lle pode facer entrega de 500 e o guerrilleiro, non satisfeito, inquíreo para para qie teña preparadas as 9.500 pesetas restantes o 1 de xaneiro. Celestino non perde o tempo e, ao pouco de marcharse Pancho, pon o feito en coñecemento da Garda Civil.
Ante esta nova oportunidade de apresar a Pancho, o comandante da Garda Civil con destino na 140 Comandancia e residencia en Ferrol, Rafael Serrano Valls, mobiliza aos gardas segundos Ricardo Fraga López e Manuel Soto Rodil. Ambos os dous montan un servizo de vixilancia e posta no coñecido como lugar da Medina que corrobora a delación e da resultado positivo arredor das 18:30 horas do 31 de decembro. A esa hora, un home achégase polo camiño cara á casa de Celestino Veiga, no mesmo momento que unha das irmás deste comeza a dar voces de "ai vén, ai ven". Os dous gardas, sospeitando que se trata de Pancho, saen do seu escondedoiro e emprenden persecución polo camiño, cada un por un lado distinto co fin de cortarlle o paso. A uns douscentos metros, Pancho abandona o camiño e intérnase nun campo de labradío. Ricardo Fraga, temeroso de perdelo de vista, fai unhas ráfagas de subfusil ás que o guerrilleiro responde á vez que segue a correr. Nese intre, o outro garda, Manuel Soto, sobe tamén polo terreo de labradío co obxecto de cortarlle o paso e facendo, así mesmo, uso da súa arma. Pancho, impotente, sucumbe ante os dous fogos. Remata a súa aventura guerrilleira, apenas cinco horas antes de escapulirse doutro ano máis de vida no monte.
O corpo inerte de Pancho queda tendido na leira da Medina, propiedade dos señores de Rosado de Pontedeume. Alí, "con la cara hacia arriba y la cabeza hacia el sur" espera a ser recoñecido, baixo xuramento, polos veciños José Antonio Pena Várela, labrego de Sobrado (Ombre) e Manuel Calvo Allegue, industrial de Gándara (Nogueirosa). Tras o trámite, o xuiz acorda o levantamento do cadáver e o seu traslado ao cemiterio de Ombre para serlle practicada a autopsia. Encárganse da mesma o médico Francisco Amado Maceira e Antonio Corral Francesch, forense en funcións do partido, debido á enfermidade do seu titular. O corpo de Pancho está cosido a balazos, pero é un dos disparos, o que lle atravesa a aorta, o culpábel da hemorraxia interna fulminante que remata coa súa vida.
Amortallado coa mesma roupa que levaba no momento de atopar a morte, a saber: calcetíns de cor azul, pantalón gris, calzóns de lenzo branco, dúas camisetas de inverno (unha branca, e outra gris), un chaleco de punto gris, unha camisa branca a raias, unha chaqueta de pana de cor marrón, unha bufanda de punto, unha gabardina branca e zapatóns, é encerrado nunha caixa madeira de piñeiro pintada de negro e soterrado nunha fosa de 2 metros de longo, 90 centimetros de ancho e 1.20 metros de profundidade, a un metro da parede oeste, un metro da parede sur, 7 metros dun grupo de nichos de José María Pena Iglesias, situado ao vento leste; e 16 metros da parede norte. Hoxe en día, os seus restos repousan, dignamente, nunha tumba do cemiterio de Meá, Mugardos.
A Pancho incáutaselle unha pistola Astra 9mm longo modelo 1921 fabricada por Esperanza e Unceta de Guernica nº 40138, con dous cargadores nos que tiña oito cartuchos nun e tres noutro; unha bolsa de lona con trinta e nove cartuchos para a mesma arma; unha carteira de pel usada que contiña 22 pesetas en billetes e catro fotos con uniforme da Lexión; e cento cincuenta gramos de turrón envoltos nun papel coa cabeceira "ultramarinos Valentin Prieto Nieto, de Cabañas-Arenal-Puentedeume". e que nos permite albiscar o mediocre festin co que Pancho pensaba despedir o ano. Asimesmo, a Garda Civil faise cun anaco de papel que conten as estrofas dun poema titulado "Peleamos"; a súa reproducción é, sen dúbida, a mellor maneira de rematar esta historia:
Por los hijos que lloran nuestra ausencia
por la esposa que espera nuestro abrazo
por los hijos que esperan nuestra vuelta.
Peleamos peleamos.
Por el sol y el azul de nuestro cielo
por el suelo cansado de dar flores
por la tierra que labran nuestro brazos.
Peleamos peleamos.
Por el limpio sudor de nuestra frente
por la paz la justicia y el trabajo
por la libre República del pueblo
Peleamos peleamos.
Peleamos por la libertad amada
contra falsos traidores y verdugos
por la España feliz de nuestros días.
Peleamos peleamos.
FONTES DOCUMENTÁIS:
Tribunal Militar Territorial IV. A Coruña:
-Causas 6/49, 58/49, 69/49, 190/49, 80/53, 57/54, 61/54, 110/54, 111/54, 2/55, instruídas na praza de Ferrol. -Causa 156/51, instruida na praza da Coruña.
-Álvarez, Santiago. 1991. Memoria da Guerrilla. Xerais. Vigo.
-DOMÍNGUEZ FERRO, Manuel e Sobrino Ceballos, Juan, 2004. "Riqueche: vida e morte dun guerrilleiro antifranquista" en Cátedra, revista eumesa de estudios, nº 11, Pontedeume.
-GONZÁLEZ VIDAL. Francisco. 1999, Paco Balón: memorias de un comunista ferrolano.
Ediciós do Castro, Sada.
BARRERA BEITIA, Enrique e GONZÁLEZ MAURIZ, Bruno, 2007, Retallos da Memoria.
Asociación Memoria Histórica Democrática, Equona, Ferrol.
http://textosdereferencia.googlepages.com/miabuelo,raimundooterobrañas